PERSONAXES BERGANTIÑÁNS
|
Rosalía Fernández Rial |
AUTOBIOGRAFÍA
O personaxe que está escribindo foi
inventado na primavera do 88. E, en canto chegou ao plano ficcional da
realidade, decatouse de que quería ser poeta. Por iso decidiu chamarse
“Rosalía” e nacer na Costa da Morte.
O personaxe que está escribindo
interpreta o papel de Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988), unha actriz
afeccionada que se licenciou en filoloxía pola USC, estudou acordeón no
conservatorio de Carballo e… Si. A partir desta primeira escena, a obra podería
irse desenvolvendo dun xeito lineal e sinxelo. De non ser porque o dramaturgo
que a imaxinou acaba de concederlle ás súas fantasías o poder de crear. O
esquizofrénico poder de crear…
ç Cambio de atrezzo;
máscara aberta e rol sen guión. Sobre as táboas, a loucura de existir; voces na
cabeza. Berros líricos que me perseguen; gorxa de palabras con
vertixe; contratempos dun jazz desordenado.
Non podo. Non quero deixar de ser… Poesía!
Péchase a cuarta parede, comeza
a funión…
O personaxe que inventei está
escribindo, sobre Follas de Carballo (colectivo, 2011), a música duns
versos En clave de sol (2009). Acto seguido, achégase á marxe
extrema do escenario e ameza ao público, soltando: Átonos (2011)! Cunha estacha de fume
na man… Entón, entre os soños do vapor máxico, aparece un exército de pintores
e pianistas. Os poemas van cambiando de xénero, vólvense teatrais, e
protagonizan representacións polas diversas páxinas da xeografía galega
(Carballo, Muxía, A Coruña, Compostela, Ribadeo…). Estrofas rodantes, que para
a vindeira tempada teñen previsto dous novos espectáculos: Vinte
en escena e Un
mar de sensacións.
[Xaneiro, 2012]
Palabras dunha mociña
ben chamada Rosalía...
que estudiou Filoloxía
e sin medo ao orballo
quixo nacer en Carballo
e solearse en Muxía...
O’Xan