lunes, 11 de febrero de 2013



Mina de oro de Corcoesto: beneficios para algunos, cianuro para todos

ADEGA DENUNCIA



Mina de ouro de Corcoesto: beneficios para algúns, 

cianuro para todos

 La Xunta tramita el proyecto 

alegando que creará puestos de trabajo e inversión


12 de xuño de 2012. ADEGA vén de apresentar alegacións ao proxecto mineiro promovido por Edgewater Mining Co. para explotar o xacemento aurífero de Corcoesto (Cabana de Bergantiños, A Coruña). Trátase dun megaproxecto mineiro que minimiza os custos de produción a base de tecnoloxas obsoletas e contaminantes, pensado para maximizar os beneficios das multinacionais mineiras e os seus investidores no mercado especulativo do ouro. En troques, socializa os custos ambientais de ocupar máis de 700 ha con cortas a ceo aberto, balsas e escombreiras, alén dos riscos de usar millóns de litros de cianuro, cun nulo impacto sobre o tecido produtivo galego. Un proxecto máis propio da época colonial, ao que a Feijóo pretende concederlle dereito de pernada sobre o territorio e adxudicarlle subvencións directas mediante a declaración de “interese estratéxico”.
ALEGACIÓNS
1. OPCIÓN CERO E XUSTIFICACIÓN DO PROXECTO
O ouro é unha materia prima estratéxica cuxa principal utilidade é a de servir como activo material para respaldar o sistema monetario internacional. A súa posesión e acumulación por parte de estados e corporacións é considerado un obxectivo estratéxico. No caso do xacemento aurífero de Corcoesto, a súa extracción por parte de Río Narcea Gold Mines, S.A. (integrada en Edgewater Mining Co.) redundará no incremento dos activos desta multinacional, que cotiza na Bolsa de Toronto. A forte compoñente especulativa que segue a ter o comercio financeiro internacional, unha das principais causas da actual crise, reforzarase coa masiva fuxida de capitais cara os valores refuxio como o ouro e outras materias primas (incluidos alimentos). É neste contexto no que algúns estados como España, en troques de incrementar os seus depósitos mediante a explotación directa dos xacementos de materias primas estratéxicas, nomeadamente o ouro, para respaldar os respeitivos sistemas monetarios ou reducir o déficit exterior, prefiren acudir aos mercados internacionais de débeda mentres enaxenan a explotación dos commodities ás mesmas compañías que posteriormente especulan grazas a estes activos coas débedas soberanas.
Outra proba da compoñente netamente especulativa da minaría do ouro é o feito de que a súa viabilidade vén exclusivamente condicionada pola cotización do metal nos mercados internacionais de capitais. Deste xeito e cos actuais prezos do ouro, xacementos con leis relativamente baixas que até hai pouco non tiñan interese para a industria, tornáronse hoxe “rendíbeis”. É de supoñer que cando o mercado mundial do ouro acumule un exceso de oferta, os prezos caerán e moitas explotacións como esta deixarán de ser rendíbeis. Portanto, todas as xustificacións achegadas pola empresa (posta en valor dun recurso natural e millora do tecido socioeconómico comarcal) están condicionadas e subordinadas á cotización internacional do ouro e as flutuacións dun mercado cunha forte compoñente especulativa.
Por outra banda, o feito de que se utilice o argumento dunha restauración pretendidamente modélica para xustificar oa explotación, poñendo como exemplo a realizada por Endesa e G.N. Fenosa nas explotacións lignitíferas de As Pontes e Meirama, respeitivamente, non achega argumento algún á necesidade de levar a cabo o proxecto. Primeiro, porque a alternativa “0” non comportaría restauración algunha ao non causar impactos, e segundo porque as actuacións coas que se pretende comparar as solucións propostas en Corcoesto (as balsas ácidas de As Pontes e Meirama) son precisamente exemplos de todo o contrario: como eludir a responsabilidade e os custos económicos dunhas “restauracións” executadas no menor tempo posíbel, minimizando o gasto para as empresas e trasladando os gastos futuros do mantemento e eventuais acidentes á sociedade[1].
2. XUSTIFICACIÓN DO SISTEMA DE EXPLOTACIÓN (CEO ABERTO)
Polo mesmo, a elección do sistema de explotación mediante cortas a ceo aberto débese á necesidade de minimizar os custos de explotación e maximizar os beneficios (referenciados ao prezo actual do metal) para a empresa. Resulta curioso que no apartado de xustificación do proxecto faise mención á tradicional explotación dos corpos mineralizados que tivo a súa maior actividade a principios do pasado século, explotación que por certo desenvolveuse mediante minaría soterrada. Non hai razóns de tipo técnico (xeolóxico, xeotécnico, de deseño da explotación…) que xustifiquen o sistema de ceo aberto, máxime cando o propio deseño da explotación contempla non unha única corta, senón varias. Cais son as razóns para que non poidan desenvolverse, do mesmo xeito que acontece coas dúas cortas propostas (en total catro ocos mineiros), varios sistemas de galerías soterradas que ademais non impedirían o acceso ás zonas mineralizadas máis profundas e de maiores leises? O ratio estéril/metal da explotación mineira soterrada, e portanto o volume de estériles xerados é considerábelmente máis baixo con este sistema de explotación que coa minaría a ceo aberto, minimizándose os riscos e os impactos ambientais. Semella claro que a intención da empresa de reducir custos para maximizar os beneficios e respostar así ás demandas de plusvalías dos seus investidores no mercado de valores de Toronto é o argumento determinante para xustificar o sistema de explotación a ceo aberto.
3. XUSTIFICACIÓN DO SISTEMA DE EXTRACCIÓN (CIANURACIÓN)
Para xustificar a elección da cianuración como método de extracción do ouro fronte aos outros sistemas químico-industriais (tiourea, bromo-bromuro, cloro-cloruro e tiosulfato amónico) indícase a maior efectividade, especificidade e menor custo económico do proceso con cianuro. No entanto, a cianuración é con moito o método que máis riscos comporta para o ambiente e a saúde humana, e o máis inxusto socialmente, por moito que a empresa pretenda argumentar mediante un gráfico da USEPA (Axencia de Protección Ambiental de EE.UU.) -gráfico sen unidades, nen fontes de datos, criterios de fiabilidade nen referenzas-, os supostos menores riscos da cianuración.
A este respeito, a propia USEPA certificou a resultas da catástrofe ambiental da mina de ouro se Summitville (Colorado, EE.UU.) en 1993 que a tecnoloxía de explotación de ouro a ceo aberto e a extracción empregando o cianuro non son seguras[2]. A maiores, a Declaración de Berlín[3] (2000) achega argumentos científicos e socioeconómicos para considerar que esta técnica non pode ser aceptada por causar danos irreversíbeis aos ecosistemas, concluindo que “a extracción do ouro con cianuro contradi permanentemente a Declaración de Río (1992) [...] destruindo a longo prazo as necesidades básicas de vida e poñendo en perigro a alimentación”. Tamén ecomenda aos estados que non promocionen nen subvencionen proxectos de minas de ouro a ceo aberto nas que se usa o cianuro e que garantan a compensación económica por parte das empresas mineiras ás poboacións afectadas.
O propio Parlamento Europeo, através da Resolución de 5 de maio de 2010, sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineras a base de cianuro na Unión Europea [(P7 TA(2010)0145][4], instou á Comisión á “…prohibición completa do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na UE antes de finais de 2011, xa que é a única forma segura de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas da contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras”, e que “…os estados membros non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto minero na UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro, até que sexa aplicable a prohibición xeral, nen respalden proxectos desas características en terceiros países…”
Á vista destas resolucións e atendendo ás conclusións dos numerosos estudos científicos nos que se basean, así como nas catastróficas consecuencias dos accidentes, é preciso aplicar á tecnoloxía minera da explotación a ceo aberto con emprego de cianuro, os Principios de Precaución e Mínima Exposición consagrados na lexislación internacional.

No hay comentarios: