miércoles, 27 de febrero de 2013

Pepe de Xan Baña 
fai balance 
da súa vida
Reproducimos un poema de José Baña Pose, tirado do seu libro Suspiros n’a terrina, 
onde o autor fai balance da súa vida, especialmente da súa etapa na emigración. 

CONSELLO DA CULTURA GALEGA
Arquivo da Emigración Galega

DIANTE DE MIN MISMO 
EU SÓ 
.

Vaia, cheguei da Habana, 
hai trinta anos que marchei, 
deixando dous por contar, 
prós traballos que pasei. 
¿Que trougen?, ¿que teño?, 
¿quen son?, ¿qué valo?, 
¿a que veño? 
Cartos non mandei ningúns, 
na Habana non os deixei; 
teño irmáns e sobriños, 
nada non lle regalei. 
Faco na corte non ten, 
son eguas mui barrigudas. 
Nin teño freno nin pelica, 
¿a que vés, Pepe de Xudas? 
Así estaba eu pensando, 
alí detrás do soleiro, 
cando lle estaban botando 
o capirucho ó palleiro. 
¡Pórme a traballar agora, 
dempois de mozo acabado, 
pra que digan: vén de fóra, 
por ser un esvaliado! 
Os becerriños na corte 
bruaban por súas nais, 
os años e os cabirtos 
cuidaban deles meus pais. 
A casa soa, sin lume, 
os rapaces coas vacas, 
e fun pra alí porque vin 
da súa cachela o fume. 
Un pequeniño dun ano 
tiñan quentando á cachela, 
ás cabras botando fóra 
o can grande e cadela. 
¡E terei vergonza eu! 
Todo o mundo traballando, 
e non valo nin siquera 
pra andar no monte co gando. 
Comendo mui finamente, 
eu adiante dos demais, 
o mesmo que deben comer, 
ó menos, meus vellos pais. 
Boa cama, bo xergón, 
por miña nai espelido, 
un refaixo remendado, 
¿e eu de novo vestido? 
Teño a miña herencia aquí, 
algo así me resumía: 
¿Herencia? Eu que nacín, 
e traballar non quería. 
Ademais, ¿qué merezo 
en trintadous anos fóra? 
¿Quen traballou estes bens? 
¿Quen termou deles astra agora? 
¡Marcho! ¡Voume! 
Eu aquí non fago nada, 
estorbo, son ninguén, 
¡Dios me dea boa fada!

...

No hay comentarios: